O 2014 será un ano para recordar en Casa de Tolos, celebramos o 18 Aniversario da Real Filharmonía de Galicia, gravando os seus concertos para Tolemias: Dende a Pastoral de Beethoven, pasando por Brahms…. Con programacións de clásica de luxo e acompañantes da Filharmonía de luxo: A violinista Caroline Widmann, o pianista Javier Perianes….
A Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia nace da man da Xunta de Galicia en 1996 cunha vocación universal, como a propia cidade onde ten a súa sé, Santiago de Compostela. O Consorcio da cidade de Santiago é o organismo encargado da súa xestión.
Esta orquestra sinfónica, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades que aportaron a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión. Xunto a eles, mestres como Maximino Zumalave, músico comprometido coa súa cidade, como director asociado; Helmuth Rilling, o primeiro director titular da orquestra que aportou a forza e empuxe necesario para iniciar este proxecto; Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante catorce anos e, agora, Paul Daniel, desde xaneiro 2013, novo director titular, han ter e teñen a responsabilidade de conducir esta formación musical.
O seu traballo permitiu que especialistas de recoñecido prestixio acepten colaborar e compartir momentos de gran plenitude musical: Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín); Natalia Gutman, Lluís Clatet ou Enrico Dindo (violoncello); Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne. E, por suposto, importantes directores de renombre, como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham, Hansjörg Schellenberger, Josep Pons ou Christop König, actual director invitado, puxeron o seu batuta á fronte da orquestra.
A Real Filharmonía de Galicia mantén unha tempada estable no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela que compatibiliza con viras e concertos nos escenarios de países como Alemania, Austria, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal, ademais das principais cidades españolas, onde destaca a súa participación na tempada cultural de Vigo.
Na discografía da RFG destacan os seus traballos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou, publicados en 2009 e a Maurice Ravel, en 2012. O seu último disco, editado en 2013, leva por título “Variaciones”, no que a orquestra e a soprano María Bayo renden homenaxe a Antón García Abril.
Director titular: Paul Daniel
Paul Daniel é, dende 2013, director titular e artístico da RFG, relevando a Ros Marbà. Tamén se encargará da dirección musical da Orquestra Nacional de Burdeos. Dende hai tres anos, é o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth e foi director musical da English National Opera e das óperas Factory e North. Foi director invitado das máis destacadas orquestras do mundo e, mentres estivo á fronte da English Northern Philharmonia, levou á orquestra a participar en moitos festivais. A súa gravación da Sinfonía núm.3 de Elgar/Payne, coa Bournemouth Symphony Orchestra, foi un dos discos de música clásica máis vendidos do 2000.
Entre os seus compromisos operísticos inclúense Lucrecia Borgia e As vodas de Fígaro para a English National Opera e un dobre cartel con L’Enfant et les Sortilleges e Der Zwerg para a Ópera Nacional de París. Dos premios que ten recibido destaca un Olivier pola súa aportación á ópera e un Gramophone pola súa serie sobre música inglesa gravada co selo Naxos. Nos New Year’s Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.