A Roda están a gravar con nós “Outra volta de roda”, que conta con importantes colaboracións: Emilio Rúa, Miguel Costas, Luis Iglesia Besteiro, Najla Shami, Luis Vaamonde, Piotr, Diego Pacheco, Sés, Luis Miguel Crespo…
A Roda, naceu dun grupo de amigos que se xuntaban a cantar arredor dunha mesa redonda na taberna, de aí o nome. Así, as súas cantigas tiñan un carácter estritamente popular galego e conseguiron atraela atención dunha multinacional discográfica, para gravar un primeiro álbum do grupo, que incluía cancións como Pousa, pousa; O andar miudiño ou O gato; albúm que conseguiría o Premio da Crítica Galega un ano máis tarde. Foi un éxito de vendas e o grupo acadou un recoñecemento en todo o territorio galego e alén das súas fronteiras, asemade viaxou aos Centros Galegos na Emigración (Venezuela, México, Panamá, Arxentina, Gran Bretaña, Bélxica e outros), onde sempre gozaron dunha boa acollida e recoñecemento.
E o grupo rodou e rodou, conservando a súa esencia, ata converterse nun dos grupos máis emblemáticos de música tradicional galega.
Sin poñer límites a súa creatividade e inspiración, agroma a necesidade de chegar onde nunca antes chegara co seu novo disco número 17 gravado en Casa de Tolos, e zumega a intención de facer unha Roda igual de redonda pero máis grande e totémica, se isto é posible, e no cal conta ademáis con colaboradores de luxo. Presúmese que haberá un antes e un despois deste traballo.